O profesor de Dereito Administrativo na Universidade de Salamanca, Pedro Nevado-Batalla Moreno, defendeu hoxe a necesidade de promover un ambiente de estímulo e satisfacción, persoal e colectiva, entre os empregados públicos que oriente a acción administrativa cara a unha mellor e máis eficaz atención ao interese común.
Fíxoo durante a conferencia que impartiu esta mañana na EGAP co título Motivación e prestixio no
servizo público, na que asistiron a directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, e a directora xeral
de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar Vázquez.
Durante a súa intervención, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia
do relatorio, que encádrase no ciclo de conferencias Presente e futuro do emprego público na
Administración poscovid, xa que “é unha gran oportunidade para repensar o papel do público en
tempos de transformación, e para poñer en valor a quen o fai posible cada día”.
Pola súa banda, Pedro Nevado-Batalla afirmou que a burocracia española “ten necesidade de facer
dúas cousas: atinar na selección do persoal, esixindo verdadeira competencia, e persoalizar a
responsabilidade da función. Hai que facer saber ao funcionario que é un profesional ao servizo do
Estado”.
O profesor falou da xestión da motivación na función pública e sinalou que hai unha percepción
social distorsionada da mesma. “Non se pode construir sobre unha percepción incorrecta. A lenda
negra da función pública de que é ineficaz, inmovilista, está sobredimensionada e que é unha
inimiga do sector privado converte aos empregados públicos en débiles ou inferiores fronte á
sociedade, limitando o presente e o futuro. Hai que defender o valor do público. Os funcionarios
defenden o interese xeral. Somos unha garantía para a democracia”.
No seu relatorio apelou a necesidade de poñer en valor á Administración Pública e os seus
empregados “que garanten o espazo de dignidade e desenvolvemento que unha sociedade
democrática require. A sociedade debe valorar o mérito, a capacidade e o esforzo dos funcionarios
públicos”.
Fuente: EGAP
Tags: Derecho Administrativo, EGAP, Información