A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acollerá mañá xoves e o venres o curso monográfico A regulación da intelixencia artificial: sistemas e datos. Regulación da normativa europea, estatal e autonómica no que participarán destacados expertos nacionais en Dereito Administrativo durante dous días.
O curso monográfico, dirixido ao público en xeral, está organizado pola EGAP e a Axencia pola Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e conta coa colaboración do Observatorio Internacional da Regulación de Entidades do Sector Público.
A inauguración terá lugar mañá xoves ás 16:15 horas na Escola e contará coa presenza da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da AMTEGA, Julián Cerviño, e o profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago e director do curso, Marcos Almeida Cerreda.
A sesión inaugural correrá a cargo do director da Axencia Española de Protección de Datos, Lorenzo Cotino Hueso, que impartirá un relatorio sobre O Regulamento (UE) 2024/1689 polo que se establecen normas harmonizadas en materia de intelixencia artificial.
O curso monográfico ten como obxectivo analizar o marco normativo da intelixencia artificial desde unha perspectiva europea, estatal e autonómica, con especial atención á lexislación galega recentemente aprobada. Con esta actividade formativa, a EGAP e a AMTEGA pretenden humanizar e dar a coñecer as vantaxas e os riscos derivados do uso da intelixencia artificial na Administración pública.
A través dos distintos relatorios impartidos por destacados expertos nacionais en Dereito Administrativo abordaranse os principios éticos e xurídicos que deben rexer o uso da intelixencia artificial, a súa aplicación na Administración pública, as medidas de impulso e a súa gobernanza, a contratación pública e a formación de empregados e cidadanía, nun contexto de transformación dixital, responsable e segura.
Fuente EGAP
Tags: Derecho Administrativo, EGAP, Formación, IA Derecho Digital, Información, Inteligencia Artificial