A Xunta reforza a formación dos empregados públicos en materia de protección de datos para incrementar a seguridade na Administración dixital

Posted on

Un total de 70 empregados públicos participan dende hoxe na cuarta edición do Curso superior en protección de datos, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Nodo CIBER.gal.

O curso foi inaugurado esta tarde pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da AMTEGA, Julián Cerviño Iglesia, e o xefe da subárea de seguridade da AMTEGA e director da acción formativa, Gustavo Herva Iglesias.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a gran acollida que tivo o curso e incidiu na importancia de que o desenvolvemento das novas tecnoloxías a nivel da Administración pública ”ten que ir acompañado dunha clara preocupación pola seguridade como factor decisivo na implantación da Administración electrónica e da sociedade da información”.

Sonia Rodríguez-Campos resaltou que “ante o desenvolvemento da Administración dixital é preciso dotar ao persoal empregado público das ferramentas e os coñecementos necesarios para salvagardar os datos personais que se almacenan e transmiten en liña, algo esencial para defender os dereitos da cidadadnía e preservar a confianza nas nosas institucións”.

Ademais, salientou que un dos obxectivos da Xunta de Galicia para continuar avanzando na implantación da eAdministración “é mellorar a seguridade para minimizar os posibles incidentes neste eido, garantir a confidencialidade da información e asegurar a continuidade do servizos prestados”.

Por este motivo, segundo a directora da EGAP, “faise ineludible a convocatoria de actividades formativas que contribúan a crear un escenario de seguridade xurídica”.

Ademais, Sonia Rodríguez-Campos sinalou que o curso “é unha mostra máis do esforzo e o compromiso por parte da Escola por ofrecer unha formación anual completa, actualizada e de calidade naquelas materias de relevancia para o persoal empregado público mediante cursos e accións formativas en relación co eido dixital”.

Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, lembrou que “os datos deben usarse para mellorar a calidade de vida das persoas, pero, en todos os casos, teñen que ser xestionados dende a responsabilidade, a seguridade, a garantía de confidencialidade e dende o coñecemento de toda a información normativa e legal”.

Neste sentido, destacou a importancia das accións formativas, como este curso superior, e afirmou que “o éxito de anteriores edicións e a demanda rexistrada este ano, no que se volveron a completar con creces as 70 prazas, indican que o persoal empregado público de Galicia afronta este reto con esa responsabilidade necesaria”.

De seguido, Elena Davara e Laura Davara impartiron unha clase maxistral sobre as claves para cumprir a normativa de protección de datos e redes sociais.

Na sesión inaugural tamén participou Víctor Salgado Seguín, que ofreceu un relatorio sobre protección de datos e intelixencia artificial.

Obxectivos

A cuarta edición do curso superior en protección de datos, cunha duración de 118 horas, pretende afondar no coñecemento da protección de datos, tanto dende unha perspectiva técnico-xurídica como práctica. O curso rematará o 10 de decembro.

Os obxectivos desta acción formativa de modalidade mixta (presencial, telepresenza e teleformación) son concienciar ao alumnado sobre a relevancia e importancia do dereito fundamental á protección de datos personais para o que é necesaria a aplicación de boas prácticas de acordo coa normativa vixente, respectar os dereitos das persoas interesadas polo tratamento dos seus datos personais e xestionar adecuadamente posibles incidencias que poidan xurdir nas distintas fases do tratamento.

O curso tamén afondará nos principios básicos de seguridade e as medidas que cómpre implantar nos sistemas de información dende a perspectiva do risco e en base ao disposto no Regulamento Xeral de Protección de Datos e no Esquema Nacional de Seguridade.

Así mesmo proporcionará unha visión global da protección de datos personais, así como as funcións e responsabilidades das persoas que interveñen no seu procesamento e do papel que desenvolven as autoridades de control como a Axencia Española de Protección de Datos.

Entre as materias que se impartirán destacan a responsabilidade da Administración pública no tratamento dos datos; os dereitos da cidadanía respecto ao tratamento dos seus datos personais; a normativa e o réxime sancionador; o esquema nacional de seguridade; a protección de datos personais en saúde, menores e na Xunta de Galicia; a garantía dos dereitos dixitais; a intelixencia artificial nas Administracións públicas ou a videovixilancia, entre outros temas.

Fuente: Gabinete de Comunicación da Consellería de Facenda e Administración Pública

Safe Creative

Tags: , , , ,


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.