A Xunta reforza a formación dos empregados públicos en ciberseguridade para garantir unha administración máis segura

Posted on

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu esta tarde a inauguración da quinta edición do curso superior en ciberseguridade, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Escola, en colaboración co Centro Criptolóxico Nacional (CCN).

O curso foi inaugurado pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da área de infraestruturas e seguridade da AMTEGA, Adrián Lence Paz; o xefe da subárea de seguridade da AMTEGA e director do curso, Gustavo Herva Iglesias, e a avogada experta en ciberdereito, Noemí Rodríguez García.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia da formación en materia de ciberseguridade dirixida ao persoal empregado público incidindo en que ante as novas ameazas xurdidas co avance da administración telemática “unha das mellores ferramentas das que dispoñemos para defendernos é contar cun persoal empregado público especializado, formado e preparado para salvagardar a confianza nos servizos públicos”.

Ademais, salientou que desde a Escola estase a traballar desde hai anos para ofrecer unha oferta formativa actualizada e reforzada en materia de novas tecnoloxías e ciberseguridade “co fin de dar resposta á demanda de profesionais que garantan a seguridade das persoas e dos servizos prestados aos cidadáns e para conseguir unha Administración máis eficiente, segura, accesible e transparente”.

“É fundamental contar con profesionais ben preparados e que actualicen os coñecementos e as ferramentas necesarias para preservar a información e loitar contra os delitos informáticos, así como saber previr as ameazas e os ciberataques”, concluíu a directora da EGAP.

Pola súa banda, o xefe da subárea de seguridade da AMTEGA e director do curso, Gustavo Herva Iglesias, sinalou que “este é un curso xa plenamente consolidado, que ten formado a máis de 260 empregados públicos de distintas administracións galegas, o que nos anima a seguir traballando na formación e actualización do persoal empregado público neste eido tan crítico como é a seguridade da información e da contorna dixital”.

Gustavo Herva Iglesias destacou, ademáis, que desde hai anos a Xunta de Galicia “fixo da colaboración a pedra angular das súas accións en materia de ciberseguridade” e salientou os acordos co Centro Criptolóxico Nacional (CCN) e co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), “que permiten, por exemplo, a implantación de ferramentas proporcionadas polo CCN, que están a ser empregadas polas nosas administracións con eficacia, grazas en parte á formación que reciben os nosos profesionais”.

Gustavo Herva salientou tamén que a capacidade de resposta ante os incidentes de ciberseguridade “baséase, en boa parte, no adestramento do persoal -a través de iniciativas como esta que hoxe inauguramos-, así como na colaboración e unha visión compartida fronte a esta ameaza común”.

De seguido, a avogada experta en ciberdereito, Noemí Rodríguez García, impartiu unha clase maxistral.

Obxectivos

A quinta edición do curso superior en ciberseguridade, cunha duración de 108 horas lectivas, entre sesións presenciais, de telepresenza e teleformación, rematará no mes de xuño e pretende afondar no coñecemento desta materia, tanto desde unha perspectiva técnico-xurídica como práctica. Nel participarán destacados expertos nos ámbitos da ciberseguridade na Administración pública e a empresa privada e o ciberdelito.

O curso busca concienciar aos participantes sobre a importancia da ciberseguridade na contorna actual, atendendo tanto á perspectiva normativa como á técnica e a práctica. O alumnado recibirá formación en boas prácticas para previr e detectar incidentes no uso de sistemas de tecnoloxías da información e comunicación (TIC). Este enfoque inclúe a comprensión dos riscos asociados ao emprego das TIC e a adopción de medidas preventivas para mitigalos.

En segundo lugar, o curso aborda aspectos relacionados coas políticas de seguridade para a protección da información, particularmente no uso de sistemas informáticos, conforme ao Esquema Nacional de Seguridade (ENS). Isto implica o estudo e análise das políticas e procedementos necesarios para garantir a seguridade da información en contornas dixitais, así como a comprensión das normativas e estándares aplicables neste ámbito.

Por último, esta actividade formativa proporciona unha visión global da seguridade dos sistemas de información, incluíndo a identificación de vulnerabilidades e de ameazas a riscos asociados. Esta parte céntrase no estudo das técnicas e ferramentas para protexer os sistemas de información fronte a posibles ataques e asegurar a integridade, confidencialidade e dispoñibilidade dos datos.

Fuente: EGAP

Safe Creative

Tags: , , , ,


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.