O CPETIG ORGANIZA OS SEMINARIOS SOBRE PROTECCIÓN DE DATOS E ADMINISTRACIÓN E EXPEDIENTE ELECTRÓNICO NA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

Posted on

Xustiza_2015_SantiagoCo obxectivo de informar sobre os aspectos máis relevantes da normativa de protección de datos e da administración electrónica xudicial, así como dos importantes beneficios da incorporación e o uso das novas tecnoloxías no proceso xudicial, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPTEIG, convoca os Seminarios sobre Protección de Datos e Administración de Xustiza e Expediente Electrónico na Administración de Xustiza, que terán lugar en Santiago de Compostela o día 17 de xuño, na sede da Escola de Administración Pública (EGAP), a partir das 16.00 horas; e en Ourense, o día 18 de xuño, na Facultade de Dereito, a partir da mesma hora.

Baixo a dirección técnica de Víctor Salgado, avogado especialista en lexislación sobre o proceso de datos, o CPETIG organiza estas xornadas destinadas a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais e outros funcionarios que realizan trámites na Administración de Xustiza en Galicia.

Nestes seminarios, cofinanciados pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), abordaranse distintos aspectos da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de carácter persoal (LOPD), así como a Lei 18/2011, de 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de Xustiza, co obxectivo de dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica ao tempo que se incrementa a seguridade e a eficiencia na administración xudicial co uso de novas ferramentas electrónicas avanzadas.

Protección de datos persoais

O primeiro dos relatorios previstos nos seminarios correrá a cargo do avogado Víctor Salgado, que disertará sobre os principios da LOPD. Explicará conceptos como que é un dato e un ficheiro, as obrigas do responsable dos ficheiros, o consentimento dos afectados, o deber de información no tratamento de datos, os dereitos dos titulares dos datos, a cesión e comunicación de datos e as infraccións e sancións.

Máis tarde centrará a súa intervención nas medidas de seguridade esixibles aos ficheiros de datos persoais, como a base legal de regulamento e sancións, os niveis de seguridade, o documento de seguridade, os tres niveis de seguridade, o informe de auditoría e as medidas de seguridade aplicables a soportes non automatizados.

Por último, pechará o seu relatorio centrándose nalgúns aspectos prácticos da aplicación da LOPD na Administración de Xustiza.

Administración de Xustiza electrónica

O segundo dos relatorios correrá a cargo do maxistrado presidente da Sección 1ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, Manuel Almenar, e do fiscal xefe provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, que se centrarán na Administración de Xustiza electrónica para achegar unha aproximación á Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora da información e a comunicación na Administración de Xustiza, LUTICAJ.

Neste sentido, explicarán os distintos ámbitos de aplicación e o obxectivo da norma e o uso dos medos electrónicos na Administración de Xustiza: dereitos dos cidadáns nas súas relacións coa Administración de Xustiza por medios electrónicos, dereitos e deberes dos profesionais da Xustiza nas súas relacións coa Administración de Xustiza por medios electrónicos a utilización e obrigatoria de medios electrónicos na tramitación dos procedementos electrónicos xudiciais.

Ademais, referiranse ao réxime xurídico da Administración electrónica xudicial –sede xudicial electrónica e identificación e autenticación-, así como á aplicación e disposicións transitorias a LUTICAJ.

Procedemento xudicial electrónico

Neste segundo relatorio dos Seminarios sobre Protección de Datos e Administración de Xustiza e Expediente Electrónico na Administración de Xustiza, Manuel Almenar e Juan Carlos Almenar falarán do procedemento xudicial electrónico: casos prácticos de implantación.

Estes xuristas exporán a experiencia na implantación da Administración Xudicial electrónica en Galicia, referíndose ás ferramentas da Xustiza electrónica, á implantación en xulgados e tribunais e ás perspectivas de futuro e recomendacións.

Todo o programa desta actividade formativa e o acceso ao formulario de inscrición pódese consultar na web do CPETIG:

http://www.cpetig.org/index.php?page=shop.product_details&category_id=3&flypage=flypage_cpetig.tpl&product_id=51&vmcchk=1&option=com_virtuemart&Itemid=62

Fuente: CPETIG

Tags: , , , , , , ,


Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *